Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Carral organizou preto de 80 actividades culturais no ano 2019 ás que asistiron 5.314 persoas


O departamento de Cultura realizou unha avaliación do calendario de accións que se levaron a cabo ao longo de todo o período.

O departamento de Cultura do Concello de Carral acaba de concluír un estudo no que avaliou a programación ofrecida desde esta área no ano 2019. Unha das conclusións máis positivas é a tendencia de crecemento que a programación cultural experimentou nos últimos anos –tanto en número de actividades como en cifras de asistencia-. Así, tal e como sinala o documento, o Concello organizou, durante o 2019, un total de 73 actividades ás que acudiron 5.314 veciños e veciñas do municipio. En contraposición, en 2015 leváronse a cabo un total de 50 actos culturais que congregaron a 3.452 participantes.

No estudo fíxose unha distinción en función da tipoloxía das iniciativas, dividíndoas nas seguintes categorías: teatro, maxia, galicreques e monólogos; contacontos; cine; danza; música; exposicións; festas; obradoiros e escolas e outros –conferencias, club de lectura, etc.-. De todas as propostas realizadas, o concerto de The Cerne foi a que acadou a mellor cifra en canto a número de espectadores (450, en total).

Moitas das propostas están englobadas dentro de programas como a Rede Cultural da Deputación da Coruña, Cultura no Camiño, Ler conta moito, Rede de Normalización Lingüística, Festival Galicreques e o Encontro de Música de Pulso e Púa. Porén, 37 foron de organización propia ou en colaboración con outras institucións.

Por último, o documento presenta algunhas das conclusións e aspectos a mellorar. Para o período actual e para vindeiros exercicios, o departamento de Cultura márcase, entre outros, os seguintes obxectivos:

· Cubrir a oferta cultural nos meses de menos programación, sobre todo, no primeiro semestre do ano.

· Valorar a posibilidade de organizar espectáculos de danza na rúa.

· Consolidar os ciclos de artes escénicas, de cine, festivais, etc. que xa obtiveron bos resultados en pasadas edicións.

· Fomentar a oferta musical con espectáculos atractivos e seguir coa estratexia de concertos didácticos cos que crear novos públicos.

· Deseñar unha oferta de obradoiros que permita atender a demanda por actividades que mesturen formación e lecer.